Wednesday 15 de May de 2024

Fabiola García aposta por un rural activo no que as familias teñan recursos para os coidados dos seus nenos e maiores


Destaca o impulso das casas niño para mellorar a conciliación e que o ano que vén se estenderán ao 100% dos concellos
A conselleira de Política Social, Fabiola García, destaca a importancia dun rural con recursos para o coidado dos seus nenos e maiores. Fíxoo durante o discurso inaugural do seminario de Políticas innovadoras de dinamización rural en Galicia que acolle hoxe e mañá a Universidade da Coruña. Un foro no que participan académicos nacionais e internacionais, responsables de políticas públicas no rural e expertos na materia.

Fabiola García subliñou a importancia de impulsar iniciativas que axuden a mellorar a calidade de vida das persoas que decidan ou queiran instalarse no rural. Neste sentido, puxo en valor as 60 casas niño impulsadas pola Xunta de Galicia para prestar atención de proximidade a máis de 300 nenas e nenos do rural. Un proxecto que o próximo ano chegará ao 100% dos concellos que non teñen un recurso de conciliación.

Na atención aos maiores, a conselleira lembrou que no vindeiro exercicio tamén se duplicarán as casas do maior, isto son pequenos centros de día en municipios de menos de 5000 habitantes, que pasarán das 30 actuais ata as 60.

A conselleira sinalou ademais a necesidade de lanzar medidas transversais que acheguen servizos ás aldeas. Para iso, lembrou que o Goberno galego xa ofrece prestacións como os coidados porta a porta, para que as persoas maiores teñan revisións de podoloxía, optometría ou estimulación de memoria e que o ano que vén chegará a máis de 200 concellos galegos.

En definitiva, resaltou a importancia de que as administracións públicas traballen en harmonía coa realidade territorial galega para permitir unha igualdade de oportunidades en calquera parte da comunidade. Esta tarde o seminario ofrecerá unha mesa redonda na que participa a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González.